Monicreques para descubrir a Compostela de Valle-Inclán

Monicreques e diversos tipos de bonecos exercerán de guías turísticos en Santiago nunha actividade dirixida a todos os públicos e moi especialmente ás familias. As visitas partirán da Alameda e percorrerán a Praza do Toural, Rúa Nova, Igrexa de Salomé, Teatro Principal, Praza de Mazarelos e Praza de Praterías.

A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron no Pazo de Raxoi "Monicreques en Ruta: con Valle-Inclán por Santiago", novas visitas teatralizadas que a entidade municipal de promoción turística organiza este verán. 

Turismo de Santiago organiza por primeira vez "Monicreques en Ruta: con Valle-Inclán por Santiago" co obxectivo de ofertar gratuitamente unhas visitas guiadas innovadoras e diferentes, pensadas para un público cultural e familiar, interesado en descubrir Santiago dende a perspectiva de Vallé-Inclán, dun xeito didáctico e ameno.

Ramón María del Valle-Inclán pasou diferentes períodos da súa vida en Santiago. Na súa mocidade estudou na Universidade de Santiago e aquí publicou os seus primeiros traballos literarios, na revista Café con gotas. En Santiago tamén pasou os derradeiros meses da súa vida ata que faleceu o cinco de xaneiro de 1936. Os seus restos están no cemiteiro de Boisaca.

Na súa obra atópanse máis de cincuenta referencias a Santiago e lugares concretos da cidade, como a Catedral, a Alameda, as rúas do Casco Histórico, a Praza da Quintana, a Colexiata de Sar, o Convento de San Paio de Antealtares, a Feira de Santa Susana… e mesmo o Café Derby, onde tivo a súa tertulia nos últimos meses da súa vida, que pasou ingresado no Sanatorio do Doutor Manuel Villar Iglesias.