Buscar/Hemeroteca

viernes, 23 de junio de 2017

Maio histórico para o turismo galego

O bo resultado do sector turístico galego no pasado mes de maio permitiu que Galicia acadara o seu máximo histórico de viaxeiros, con máis de 1,3 millóns de turistas aloxados nos establecementos hoteleiros durante os cinco primeiros meses do ano. Así o poñen de manifesto os datos publicados na Enquisa de Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estatística (INE), que confirman a tendencia á alza que se vén rexistrando na comunidade.

A cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos aumentou nun 6% en relación ao mesmo período de 2016, ata os máis de 1,3 millóns, unha cifra nunca antes superada neste período en Galicia. Tamén subiu o volume de pernoitas, neste caso nun 7,3%, ata as preto de 2,4 millóns, o que afianza catro anos consecutivos de crecemento no conxunto dos cinco primeiros meses do ano. 

Esta subida produciuse tanto no turismo interno como no turismo nacional e internacional. O turismo interno creceu un 3,1% no volume de pernoitas e un 2,6% na cifra de viaxeiros aloxados, ata os 416.000, o rexistro máis elevado desde o 2008. O turismo nacional tamén presenta un comportamento positivo, cun 8,5% máis de pernoitas e un 7,2% máis de turistas, a cifra máis alta dos últimos sete anos.

Pola súa banda, o turismo internacional volve acadar máximos históricos da demanda, con máis de 584.000 noites e 360.000 viaxeiros aloxados. Isto supón un crecemento do 10,7% nas primeiras e do 8,3 nos segundos respecto ao mesmo período do 2016. O mellor comportamento relativo do turismo internacional permítelle gañar cota de mercado en Galicia e representar xa o 24,7% do total da demanda no acumulado dos cinco primeiros meses de 2017, o que constitúe un máximo histórico máis.

No hay comentarios: