Galicia, destino rural de referencia

Galicia ten unha oportunidade única para consolidarse como destino rural de referencia, cun turismo rural  que se posicione como oferta diferencial no ámbito nacional e internacional, que  incremente os seus niveis de ocupación media e complete a súa especialización turística.
Así o manifestou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a súa participación na Xornada sobre turismo rural organizada polo Foro Económico de Galicia en Ribadavia. Durante a súa intervención destacou o papel do turismo rural galego como unha das fortalezas do turismo na nosa comunidade que ten ante si, dixo, importantes oportunidades para o seu desenvolvemento e consolidación.

Neste sentido, recordou que se trata dun segmento que acumula tres anos consecutivos de crecemento de demanda que permiten recuperar e mesmo superar os niveis de anos anteriores e marcar tamén un máximo histórico con preto de 420.000 pernoitas en 2016 nos case 600 establecementos de turismo rural que ofrecen máis de 7.300 prazas por toda a xeografía galega.

Ademais, referiuse á boa resposta de experiencias turísticas asociadas ao medio rural, como o Outono Gastronómico, que mestura a natureza coa gastronomía; o turismo ornitolóxico; os centros das rutas BTT, combinando o deporte co medio rural; a ruta da Camelia, a do Viño ou o Bono Iacobus no Camiño de Santiago, entre outras.