Galicia celebrou en China o Día Mundial da Tapa

Nava Castro e Iñaki Bretal
Galicia celebrou na China o Día Mundial da Tapa cunha exhibición á que asistiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. A cidade de Cantón, segunda parada da viaxe institucional ao país asiático na que a promoción de Galicia ten un lugar destacado, acolleu un showcooking a cargo do chef Iñaki Bretal, cociñeiro do restaurante pontevedrés O Eirado da Leña e membro do Grupo Nove. 

O Día Mundial da Tapa, que se celebra cada ano no terceiro xoves do mes de xuño, logrou convocar nesta ocasión a máis de vinte países de todo o mundo, unha ocasión ideal onde mostrar doutro xeito os mellores sabores da gastronomía. A tapa é un dos grandes signos de identidade da cociña española que a fan popular internacionalmente e Galicia condensa nela as características que a fan tan diferente.

De todo isto volverase dar boa conta o próximo 4 de xullo, cando terá lugar a II Gala Show Cooking De Tapas por Galicia, organizada por Turismo de Galicia na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde profesionais das sete cidades galegas prepararán as súas propostas en directo ante os espectadores e o xurado que terán que decidir, como remate deste certame culinario, os premios Mellor Cociñeiro e tamén o Especial do Público.