Galicia amosa a China os seus recursos turísticos

A Comunidade galega presentou os seus principais atractivos turísticos, co patrimonio cultural, a natureza e a gastronomía como elementos destacados, nun acto celebrado no Instituto Cervantes de Pekín, ante 30 empresas chinesas especializadas en turismo e preto de 20 turoperadores.

O presidente da Xunta, que non puido asistir á presentación debido a unha reunión co viceministro de Relacións Internacionais, Guo Yezhou, salientou a importancia deste acto para dar a coñecer Galicia e incrementar o turismo chinés, referíndose ademais a dous importantes recursos turísticos que unen ambos os dous territorios: a Ruta da Camelia deseñada para percorrer a Comunidade de norte a sur a través de 12 pazos e xardíns públicos con espléndidos exemplares e, por outra banda, a Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade, irmandada coa Gran Muralla China desde 2007.

Feijóo incidiu en que Galicia é unha comunidade hospitalaria, disposta a acoller a visitantes; cunha gastronomía valorada; cun impoñente patrimonio histórico e artístico e cunha enorme riqueza natural e potencial termal. E, nesta liña, destacou o dobre obxectivo deste acto: que os peregrinos chineses que xa viñeron a Galicia volvan para descubrir os demais atractivos turísticos da nosa terra. E que cada vez máis cidadáns se animen a coñecer en primeira persoa a ruta que vertebrou Europa.

Durante o acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, definiu Galicia como “un destino de contrastes con infinidade de posibilidades” que fan dela un lugar atractivo durante os 365 días do ano.