Feijóo posiciona en China a agroindustria galega

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acaba de constatar que o investimento do Grupo Shanghai Fisheries permitirá á conserveira Albo expandir as súas capacidades de produción e exportación e traerá, ademais, novos proxectos para Galicia. Tras unha xuntanza cos representantes do grupo, Feijóo agradeceu ao presidente da compañía, Pu Shaohua, a oportunidade de coñecer de primeira man a empresa matriz de Conservas Albo.

Feijóo destacou e agradeceu a disposición do grupo para profundar nas relacións de cooperación con Galicia noutros ámbitos do sector agroalimentario. “Isto significa, en definitiva, que temos un aliado para introducir en China produtos agroalimentarios galegos como o viño, o leite, as conservas ou os produtos cárnicos. Para nós isto ten un valor estratéxico moi importante, xa que as relacións entre Galicia-Shanghai e Galicia-China non se concretan só no ámbito da conserva senón que se abren novas oportunidades”, abundou.

Pola súa banda, o presidente de Shanghai Fisheries incidiu na súa intervención neste compromiso: “Estamos moi confiados e esperanzados en profundar na nosa relación de cooperación con Galicia”, dixo. Recordou tamén que Albo significou para o grupo unha oportunidade para coñecer o sector da conserva galego. “Estamos convencidos de que coa nosa unión imos facer máis cousas, sobre todo no ámbito internacional”, aseverou.

Ante esta intención, Feijóo salientou que as máis de 450 adegas galegas, o 45% da produción láctea de España e as empresas cárnicas como Coren, terán unhas posibilidades que antes desta xuntanza non tiñan. E expresou o desexo de que, ao igual que sucede con Albo, o mercado chinés comece a percibir a calidade dos produtos agroalimentarios galegos