Cumio hispano-portugués en Coimbra con Manuel Baltar e Abel Caballero

Celebrouse en Coimbra (Portugal), no convento de Sao Francisco, o Cumio hispano-portugués coa presenza de presidentes de gobernos locais e provinciais, representantes da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e da Associaçao Nacional de Municipios Portugueses (ANMP). Entre os temas que se trataron destacaron reforzar a alianza dos Poderes Locais da Península Ibérica no contexto europeo; o papel dos poderes locais no próximo Marco Comunitario de Apoio, e a cooperación transfronteiriza dos territorios no ámbito local.

Participaron xunto a Manuel Baltar o presidente da FEMP, Abel Caballero, e seu homólogo portugués e alcalde de Coimbra, Manuel Machado, así como presidentes provinciais e locais de España e Portugal e o vicepresidente Europeo de Cidades e Gobernos Locais Unidos (CGLU).

Acordouse crear un grupo de traballo conxunto, con diferentes comisións, para definir liñas de actuación en cooperación transfronteiriza, infraestruturas, comercio, turismo, cultura e fondos europeos, e tamén se decidiu que os municipios españois e portugueses traballarán xuntos para definir as posicións e demandas que, a medio prazo, defenderán conxuntamente diante das institucións europeas.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar participou destacando que Ourense "é a provincia máis internacional de España, ao contar con 219 quilómetros de fronteira con outro país –Portugal-", e subliñando "o papel central da provincia ourensán na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal". Remarcou a importancia dos temas tratados, "pola relevancia que supoñen para os nosos territorios", e apuntou que se debateron "asuntos como o tren de Alta Velocidade, a mellora das infraestruturas, e a necesidade de desenvolver posicións conxuntas do Sur de Europa no contexto comunitario". "O máis destacado é o consenso entre todos para a creación de grupos de traballo en diferentes áreas, algo fundamental para a preparación do próximo marco comunitario", afirmou Baltar.

Abel Caballero e Manuel Machado cualificaron como "histórica" esta reunión, dado que é a primeira vez que manteñen unha xuntanza as dúas federacións de entes locais, unha reunión que xera moitas expectativas e que amosa o grande potencial que teñen os territorios locais e provinciais.

Asemade, os responsables provinciais e locais concordaron que diante do reto 2020 é necesario abrir frontes comúns nos ámbitos do comercio, o turismo e a cultura, para defender posicións comúns en materia de fondos europeos.