Comeza a Cata dos Viños de Galicia

Comezaron en Santiago as catas oficiais dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2017. O certame, que se celebra ata o vindeiro venres 16 de xuño no CEIP Compostela en Lamas de Abade, destaca este ano pola creación de novas categorías na Cata dos Viños: viños de colleitas anteriores, de madeira e escumosos. Estas incorporacións son froito das demandas do propio sector para recoñecer aos caldos máis elaborados e dar visibilidade ás pequenas producións. Tamén se pretende valorar a calidade dos viños espumosos, que nos últimos tempos teñen unha gran aceptación entre os consumidores.
A XXIX Cata dos Viños conta cun comité de 12 expertos en análise sensorial, que terán 3 días para elixir o mellor branco e tinto de Galicia e os acios de ouro, prata e bronce en cada unha das cinco denominacións de orixe (Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras, Ribeiro e Ribeira Sacra). Nesta edición participan 158 adegas e colleiteiros, os cales presentaron un total de 318 mostras de viños.

O venres terá lugar a XIX Cata das Augardentes e a VI Cata dos Licores de Herbas e Café, onde se presentan preto de 50 mostras de 19 participantes. O panel de cata estará formado por 7 profesionais que elixirán os potes de ouro, prata e bronce en cada unhas destas categorías. 

A entrega de premios realizarase na gala que organiza anualmente a Consellería do Medio Rural e que serve para reforzar a promoción dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia en xeral e, de maneira especial, dos que reciben estes galardóns nas diferentes categorías.