Camiñata polas Fragas do Eume

O Parque Natural das Fragas do Eume ofrece aos visitantes oito rutas distintas, que permiten achegarse e gozar de primeira man do patrimonio natural, dos valores ambientais que fan destes espazos uns lugares únicos e da súa beleza paisaxística.

A Consellería de Medio Ambiente vén de editar uns folletos informativos con información específica e relativa a cada un dos seis parques naturais cos que conta Galicia. Esta é unha das medidas que recolle o Plan de promoción e posta en valor do Patrimonio Natural, posto en marcha polo actual Goberno; xunto co novo servizo de atención aos visitantes nos parques naturais de Galicia, cuxo obxectivo é a concienciación ambiental da sociedade e a divulgación e promoción do turismo de natureza sostible.

Mosteiro de Monfero
As Fragas do Eume, que se estenden por un abrupto val de profundas gargantas, presumen de ser o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa e un dos escasísimos bosques do seu tipo no continente. Abarca un total de 9.125 hectáreas, sendo declarado Parque Natural, o quinto de Galicia, o 12 de agosto de 1997. En extensión, é o segundo maior dos parques naturais tras o Xurés (Ourense), de case 30.000 hectáreas.

Así, no Parque das Fragas do Eume os visitantes teñen a posibilidade de realizar un total de 8 rutas, a meirande parte de dificultade baixa, das cales a metade son circulares, con inicio e fin no mesmo punto, e a outra metade lineais.

No seu conxunto, os roteiros suman un total de 61 quilómetros, entre as que destaca o Camiño de Fontardión, cunha lonxitude de 15 quilómetros; tamén é a de maior percorrido de tempo, xunto co Camiño dos Cerqueiros, xa que se precisan tres horas para completar o itinerario. Asemade, só tres das oito rutas son aptas para realizar en bicicleta: Camiño Cumios de Sanguiñedo, Camiño dos Cerqueiros e Camiño de Pena Fesa.

Asemade, a pegada humana no Parque está presente en restos prehistóricos, nos monumentos da época medieval (mosteiros de Caaveiro e Monfero) ou en elementos etnográficos como as curripas que testemuñan os usos e aproveitamento destes montes ata o s.XX. As vistas desde o mosteiro de Caaveiro, insignia das Fragas do Eume situado no mesmo corazón do Parque, e desde os catro miradoiros habilitados en todas as estacións do ano.