Acto de constitución da xunta directiva do proxecto europeo Poctep "Raia Termal"

No acto de constitución da xunta directiva do proxecto europeo Poctep "Raia Termal", unha iniciativa que conta cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros (2.659.767 €), dos cales un 75% será co-financiado con fondos FEDER, e que ten como obxectivo crear unha rede de cooperación entre Ourense e o Norte de Portugal para potenciar a riqueza termal desta contorna transfronteiriza, estiveron presentes o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e os representantes das cámaras municipais de Melgaço e Terras do Bouro, Hilario Afonso e Joaquim Cracel.

Tivo lugar no balneario de Lobios, e contou tamén coa presenza dos alcaldes de Bande, Cortegada, Lobios e Muíños. Iníciase así un camiño de cooperación hispano-lusa ao redor do proxecto "Raia Termal" que pretende potenciar o sector turístico termal transfronteirizo, impulsando unha estrutura conxunta de cooperación en rede e deseñando e poñendo en marcha iniciativas para valorizar economicamente os recursos termais e os espazos naturais, impulsando o seu posicionamento nos mercados español, portugués e europeo. O ámbito de actuación abrangue as zonas termais transfronteirizas do río Miño (Cortegada e Melgaço) e do río Limia (Lobios, Bande e Muíños e Terras de Bouro).

O Ministerio de Agricultura, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, convocou, como beneficiario principal do proxecto Poctep "Raia Termal", a reunión constitutiva da xunta directiva como órgano de decisión, recepción e emisión da información do proxecto, que estará asistida por unha unidade de xestión e coordinación, nomeada no mesmo acto. As entidades promotoras do proxecto, capitaneadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Deputación de Ourense, contan como socios coas cámaras municipais portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro.

A xunta directiva tomará decisións de carácter substancial ou sobre modificacións que poidan afectar á natureza do proxecto, e nomeará aos compoñentes da Unidade de Xestión e Control. Asemade, acordará o Manual de procedementos, que detallará a xestión e control do proxecto. O marco temporal de previsto de execución do proxecto abrangue ata o 31 de decembro de 2019.

O proxecto estrutúrase en seis eixos de actuación, que van desde a vertebración dunha rede de termalismo transfronteirizo ata a recuperación ambiental e a posta en valor das contornas naturais de espazos termais, así como a valorización e recuperación de infraestruturas e elementos patrimoniais termais, a xestión conxunta e a promoción de recursos e itinerarios termais de fronteira.