A Vía Verde do Salnés será a primeira integramente galega

A primeira Vía Verde integramente galega levará por nome "Vía Verde do Salnés". Así o decidiron os alcaldes de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas, na xuntanza que mantiveron para analizar o borrador do proxecto remitido pola Fundación de Ferrocarrís Españois para a creación da senda que discorrerá polo antigo trazado ferroviario entre estas tres localidades. 

Aparte da denominación, os rexedores acordaron solicitar unha reunión conxunta coa presidenta da Deputación de Pontevedra, a efectos de solicitar financiamento para acometer a construción da Vía Verde do Salnés posto que, aparte do interese que ten unha iniciativa de turismo activo, natural e totalmente accesíbel para persoas que precisan de cadeira de rodas, e de tratarse dun proxecto supramunicipal que afecta a tres concellos da provincia, ten unha especial relevancia por canto a do Salnés será a primeira Vía Verde integramente galega, razón polas cales os rexedores confían en contar coa implicación do organismo que preside Carmela Silva.

Os técnicos da FEF valoran o proxecto en 532.763 euros, aínda que o orzamento podería variar sensiblemente ao ter que incluír o acondicionamento do apeadeiro de Ande-Rubiáns, que non se tiña recollido no documento, segundo detectaron os responsables municipais. O prazo de execución marcado é de 10 meses e a intención dos alcaldes é que a actuación poida materializarse coa maior brevidade, dado o efecto beneficioso que suporá para os municipios.