Buscar/Hemeroteca

jueves, 29 de junio de 2017

A Fantástica Galicia en Ratisbona

A biblioteca municipal da cidade alemá de Ratisbona acollerá ata o vindeiro día 9 de setembro a exposición fotográfica Fantástica Galicia, a través da que se promoven os recursos turísticos da Comunidade galega, centrados na natureza e a cultura.

Trátase dunha exposición que conta con 51 fotografías de gran formato do fotógrafo Adolfo Enríquez nas que se mostran paisaxes, costumes e a arquitectura da comunidade galega, desde os prehistóricos castros, pasando polas edificacións románicas e barrocas, ata chegar aos proxectos construtivos máis contemporáneos.

Ademais a mostra inclúe unha ampla selección de fotografías relacionadas co Camiño de Santiago, a través das súas paisaxes, edificacións e peregrinos das distintas rutas.

Para a difusión deste evento en Ratisbona editáronse folletos que se distribuiron en distintos lugares senlleiros da cidade e pósters que se colocaron en oficinas de turismo e lugares públicos con gran presenza de público. Esta exposición fotográfica xa se puido ver en distintas cidades europeas e noutras americanas ao longo dos dous últimos anos.


No hay comentarios: