A Deputación de Pontevedra apoia a Vía Verde do Salnés

Carmela Silva
A Deputación de Pontevedra apoiará o desenvolvemento do proxecto da Vía Verde do Salnés, que promoven conxuntamente os concellos de Vilagarcía, Caldas e Portas. O alcalde vilagarcián, Alberto Varela, aproveitou a visita a Pontevedra con motivo da presentación dos festivais de verán que inclúen ás Revenidas, para manter unha reunión de traballo coa presidenta do ente provincial, Carmela Silva, a quen presentou o proxecto da Vía Verde.

Silva valorou moi positivamente o plan, non xa porque será o primeiro das súas características en Galicia, senón polo que suporá no fortalecemento da oferta turística da provincia e significadamente dos tres concellos e as súas comarcas. 

Trátase dunha senda con case dez quilómetros de vía ferroviaria recuperada, que inclúe unha ponte de ferro sobre o Umia (unha estrutura de 64 metros de lonxitude e 3 vanos que se considera un dun excelente exemplo da enxeñería ferroviaria de finais de século XIX), e o investimento necesario, algo más de 530.000 euros.

Os rexedores de Vilagarcía, Caldas e Portas seguen traballando coa idea de que no prazo dun ano a Vía Verde do Salnés poida ser unha realidade.