A Deputación da Coruña co sector lácteo

Durante a xornada "O sector lácteo a debate. Horizonte 2027", organizada por Unións Agrarias-UPA e na que diversos expertos debaten sobre a situación actual e as perspectivas de futuro dos productores de leite en Galicia, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou esta mañá en Santiago agradeceu aos organizadores que contaran coa Deputación da Coruña, unha administración "que aínda que non ten competencias directas no sector agrario inxecta unha gran cantidade de fondos no ámbito rural" e reafirmou o "compromiso" do seu goberno cun sector que considerou "estratéxico e fundamental" para o futuro do rural galego.

Valentín González Formoso destacou "o acerto" de celebrar esta xornada nunha provincia que é "o motor agrario de Galicia" e "a que máis leite produce de toda España", a pesar de ser tamén unha das que máis sofreu a baixada do prezo do leite en orixe, con reducións de prezos que superan a media estatal e que con frecuencia non chegan aos 30 céntimos por litro.

Defendeu tamén que A Unión Europea "debe garantir as mesmas condicións para unha granxa en Galicia que para unha en Noruega ou Bulgaria, onde se importa leite de fóra do espazo comunitario".

Sen ter competencias directas en materia agraria, a Deputación da Coruña destina cada ano, a través da área de Promoción Económica, diferentes liñas de axudas a produtores leiteiros e entidades agrarias, co obxectivo de financiar proxectos innovadores que permitan unha maior eficiencia na produción e o aumento da competitividade das explotacións lácteas coruñesas.

Tamén a través do Plan de Emprego Local (PEL), que ten entre os seus obxectivos contribuír a fixar poboación no ámbito rural a través da creación de emprego, a Deputación contribúe a apoiar o sector da agricultura e a gandería, ao que se destinan o 17% das axudas concedidas a través da liña PEL-Peme para contratación de novo persoal.

González Formoso agradeceu o traballo realizado por UU.AA-UPA, "unha entidade que ampara o labor agrario en Galicia e que fai un traballo enorme, que moitas veces non se ve, a prol dunha lexislación que garanta a dignidade e a capacidade produtiva das nosas granxas".

"Necesitamos impulsar o sector primario, que para nós é esencial. Un sector que na provincia da Coruña está na orixe dos tempos, pero tamén no futuro da sociedade", concluíu o presidente provincial.