A Deputación da Coruña có medio ambiente a través da etiqueta #DACNaturalmente

Baixo a etiqueta #DACNaturalmente, a a Deputación da Coruña invitará, a través das súas redes sociais, a descubrir datos e curiosidades sobre algúns dos enclaves naturais máis emblemáticos do territorio coruñés, con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente,

Entre eles, espazos singulares como o complexo dunar de Corrubedo, que este ano cumprirá o 25 aniversario da súa declaración como Parque Natural; as 9.000 hectáreas de extensión da "xoia verde" da provincia: as Fragas do Eume, o bosque atlántico mellor conservado de Europa, ou a biodiversidade de flora e fauna autóctona que habita nos 17 concellos que conforman a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo,

A provincia da Coruña conta cun total de 18 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) incluídos na Rede Natura, entre os que figuran a Costa da Morte, Estaca de Bares, a Costa Ártabra, o Esteiro do Tambre, a Costa de Dexo (Oleiros), Monte Pindo (Carnota), ou o encoro de Cecebre; e 4 Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA) en Corrubedo, Ferrolterra-Valdoviño, Ortigueira- Ladrido e Costa da Morte.

"Unha inmensa riqueza natural que dende a Deputación estamos axudando a preservar e divulgar", afirmou o deputado responsable da área de Medio Ambiente, José Manuel Pequeño Castro, que subliñou a importancia de "sensibilizar a cidadanía da importancia de conservar estes tesouros naturais" e manifestou o "compromiso do goberno provincial nesta materia", con medidas como o Plan de medio ambiente (PMA), dotado con 5 millóns de euros para o financiamento de 159 accións de mellora do entorno natural e a calidade ambiental nos 93 concellos coruñeses ou a campaña de limpeza de praias, na que a Deputación inviste cada ano preto de 1 millón de euros para axudar a que os areais coruñeses estean cada día en óptimas condicións durante a tempada estival.

Lembrar tamén que o PMA impulsou a creación ou rehabilitación de 23 zonas verdes na provincia da Coruña en Abegondo, Arteixo, Coirós (2), Curtis, Sobrado, A Baña, Boqueixón, Frades, Ordes, Oroso, Santiago, Santiso, Ares, As Pontes, Mañón, Monfero, Ortigueira, Dumbría, Malpica, Muxía, Carnota e Ribeira e supuxo a creación de 90 postos de traballo, a través da creación de brigadas medioambientais en 20 concellos coruñeses.