Turismo de Santiago promociona a cidade en Milán, Bolonia e Padua

Turismo de Santiago participa esta semana nunha acción de promoción organizada pola Oficina Española de Turismo en Milán, que permitirá presentar a cidade aos profesionais do sector do norte de Italia. A acción desenvolverase nas cidades de Milán, Bolonia e Padua, tres das grandes cidades do norte italiano.

Nos últimos anos, Italia tense consolidado como o principal mercado emisor de turistas a Santiago. Segundo os últimos datos dispoñibles do INE, no ano 2015 os turistas italianos sumaron nos hoteis da cidade 77.587 pernoctacións, conseguindo o seu máximo histórico. A falta de datos oficiais do INE respecto do 2016, a estimación é que esta cifra se elevou ata preto das 100.000 pernoctacións.

O número de peregrinos italianos segue tamén esta tendencia, cun crecemento constante que permitiu que no ano pasado marcasen un novo máximo, con 23.951. Dende o 2014, o número de peregrinos italianos supera os 20.000 cada ano. É a previsión é que estas cifras continúen crecendo nos vindeiros anos a medida que se achegue o Ano Santo 2021.

A zona norte de Italia é un dos mercados estratéxicos para Turismo de Santiago, por tres razóns complementarias: é a rexión máis poboada do país, e a rexión italiana e unha das rexións europeas máis desenvolvidas economicamente, e conta con dúas conexións anuais directas co aeroporto de Santiago, unha dende o aeroporto central de Milán, con Easyjet, e outra co aeroporto de Milán-Bérgamo, con Ryanair.