Showcooking de Alberto Lareo no CIFP Compostela

O CIFP Compostela acollerá, o martes 23 de maio, un showcooking-cata a cargo do cociñeiro Alberto Lareo, propietario do Manso Restaurante de Santiago de Compostela. Esta actividade enmárcase dentro dos actos programados polo 50 aniversario do centro, que arrancaron o 18 de abril e finalizarán no mes de novembro. Lareo, ex alumno da escola de Lamas de Abade, centrará a exhibición na cociña con algas. A actividade comezará ás 10 da mañá, na aula de I+D+i do centro, e prolongarase durante dúas horas.

Para esta clase maxistral, o cociñeiro contará co apoio de Antonio Muiños, copropietario da empresa galega Porto Muiños, pioneira na comercialización de algas. Así, as persoas que asitan a este showcooking coñecerán tamén de primera man o valor nutricional e culinario destes vexetais de marisma, cada vez máis importantes na nova cociña galega. 

Alberto Lareo elaborará en directo varios pratos nos que empregará verduras, peixes ou froitas, combinando sabores e texturas con esencia atlántica. A asistencia a esta cata é completamente gratuíta, aínda que, debido ao aforo limitado da sala habilitada polo CIFP Compostela, para asistir é preciso facer unha reserva previa na páxina web da escola (http://50cifpcompostela.com/gl/).