Sen orde pero con concerto (Editorial 207, por Guillermo Campos)

No entorno dunha mesma fin de semana, isto é, entre un sábado e un martes, celebráronse en Galicia, nun espazo de cen kilómetros entre sí, tres eventos (salóns) mercantís promotores do viño, así de xuntos, os tres con decisivo amparo da Xunta de Galicia.

Dous forman parte do calendario feiral institucional, un deles específico e cun longo percorrido inda que de carácter bienal: a Fevino de Ferrol, a outrora impactante feira de Viños do Noroeste tantas vegadas ocupando o complexo feiral de Punta Arnela, este ano metida no casco urbán da cidade departamental, precisamente ocupando impresionantes locais cedidos específicamente para a ocasión polo ministerio de Defensa.

Celebrouse entre o 3 e 4 de abril, luns e martes, ao mesmo tempo que o outro salón enolóxico, nembargantes ter un percorrido no tempo máis curto: o Vinis Terrae de Ourense. Certo é que non son exactamente iguais na súa xestión, enfoque e expresión. Fevino foi sobre todo -e segue a ser, inda que cunha pretendida singladura cara a unha maior “galeguización”- unha oportunidade para coñecer o mercado de viño forasteiro, nomeadamente rioxano, que ten distribución, ou a percura, aquí.

Vinis Terrae é unha máis recente proposta de Expourense, na súa dinámica tendente a cubrir seu calendario feiral, resposta tamén a unha demanda do sector adegueiro propiamente galego -a saber, se coma contrapeso precisamente á “colonización” mentada- que ten nesa cita oportunidade directa de oferta e demanda. Máis ca unha feira para beber/coñecer marcas-distribución, é unha ocasión para que as adegas galegas comercialicen seus viños.

De maneira que nunhas mesmas datas, os interesados, consumidores e comercializadores do viño en Galicia tiveron o “corazón partío”, esforzos e gastos multiplicados, ou a inevitable renuncia a non dividirse en dous ou multiplicarse por tres, se querían porse ao día sobre o que ven, o que hai, e o que pode sair. Porque para poñerlle a guinda do despropósito a esta desorganización e solapamento inevitado, a segunda edición do chamado Viñerón de Santiago, promovido no marco do autochamado Instituto Galego do Viño, certo que empresa privada (seus contidos responden a intereses de parte, irrelevantes fronte á envergadura dos outros dous), pero certo tamén que disfroita as instalacións institucionais da Cidade da Cultura.

Nos tres casos, por tanto, nútrense os orzamentos ou palíanse gastos que pagamos todos os galegos, que dependen, ou nos que interven, directa ou indirectamente unha administración galega que parece non saber, non querer ou non estar. E alguén -á marxe de favoritismos, componendas, arrimos e ata tufos prevaricadores- debería poñer orde, siquera no calendario.