Santiago, DispoApp e Festas da Ascensión

A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, presentou a nova versión da DispoApp, ferramenta electrónica que Turismo de Santiago creou no 2016 para poder informar en tempo real nas súas oficinas de información turística sobre a dispoñibilidade de prazas nos establecementos hostaleiros da cidade. 

No seu primeiro ano de funcionamento, máis de 60 establecementos hostaleiros da cidade cargaron activamente os seus datos na DispoApp, informando das prazas dispoñibles que tiñan cada día. O persoal de Turismo de Santiago empregou a ferramenta para responder a máis de 10.000 consultas de turistas sobre dispoñibilidade de prazas na cidade para o mesmo día.

A ferramenta é de balde para os aloxamentos da cidade. O proceso de carga é moi sinxelo e rápido para os establecementos. En a penas dez segundos poden indicar os cuartos que teñen dispoñibles en cada momento e os seus prezos. Esta información pode actualizarse ao longo do día todas as veces necesarias. A actualización pode facerse dende diferentes plataformas, ordenadores, teléfonos ou tablets, para que sexa o máis sinxelo posible.

Por outra banda, o alcalde, Martiño Noriega presentou a programación das festas da Ascensión, que se celebrarán do 24 ao 28 de maio. Os principais concertos da Ascensión terán lugar no escenario da praza da Quintana, todos eles de balde. No día grande das festas, o xoves 25, Myles Sanko, un cantante de Ghana afincado no Reino Unido que con tres discos no mercado é xa un referente no soul actual. O día 27, será a vez de Kiko Veneno, nun concerto que arrancará coa actuación do trío liderado por Marcos Teira, Translatios Trío, co pianista Alejandro Vargas e o bailarín Isaías Montero como invitados.

As propostas da praza da Quintana completaranse co Concerto dos 40 o primeiro día das festas, o mércores 24, que xuntará a Miss Cafeína, Luis Brea y el Miedo e Shinova. O venres 26 será o día reservado para a Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Jonathan Webb, e o domingo 28 será a xornada para os nenos e as nenas, cun concerto con María Fumaça e a Pequena Grande Orquestra.