Os concellos pontevedreses xa poden adherirse a "Depo Termal 2017"

Os concellos que se queiran adherir a "DepoTermal" terán un prazo de 15 días naturais a partir deste mércores -hoxe publicarase no BOPPO- para facelo. Unha vez remate este prazo e se publique na páxina web da Deputación de Pontevedra a listaxe de concellos adheridos, abrirase o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar a súa participación no programa.

A Deputación de Pontevedra vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases reguladoras de "DepoTermal", que cun orzamento de 102.000 euros permitirá que máis de 4.000 persoas dos concellos da provincia de Pontevedra se beneficien desta iniciativa de fomento do envellecemento activo a través do turismo de saúde e benestar. 

"DepoTermal" conta un total de 4.434 prazas que pon á disposición das persoas maiores de 50 anos, menores de 50 con condición de pensionista ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% e para persoas con necesidade de respiro familiar de todos os concellos da provincia de Pontevedra. Desas máis de 4.000 prazas, 434 son gratuítas, unha novidade que se introduciu por primeira vez a pasada edición do programa.