A nova edición da campaña de trens
turísticos impulsada por Turismo de Galicia, Inorde Ourense e Renfe,
incorporará este ano dúas novas rutas. En total ofreceranse 11 itinerarios que
percorrerán boa parte da xeografía galega durante os meses de xuño a outubro coa
intención de fomentar un turismo de calidade e sustentable.
En total a edición deste ano conta con 11 itinerarios, con 56 saídas regulares, que se desenvolverán dende o 10 de xuño ata o 28 de outubro. Todo, cunha ampla oferta para recorrer as catro provincias galegas en rutas dun día na que se inclúen desprazamentos en autobús e visitas guiadas.
Estes trens turísticos –que se reforzan este ano tamén cunha nova imaxe potenciando o papel da costa como elemento senlleiro de Galicia- estanse a consolidar como un dos produtos turísticos máis exitosos do verán galego, e que este ano tamén se estenderán ao mes de outubro. O ano pasado a ocupación media superou o 80% de xuño a setembro, recibindo viaxeiros de 19 nacionalidades diferentes.
A nova oferta
chega con dúas novidades, a ‘Ruta Ourense termal e de compras’, que combina o
turismo polo casco histórico da cidade das Burgas, as Termas de Outariz e tempo
libre para realizar compras opcionais pola cidade; e a ‘Ruta Descubrindo A
Coruña’, na que os viaxeiros poderán descubrir a cidade camiñando polo paseo
marítimo e percorrendo as súas rúas.
A estes dous itinerarios súmanse a ‘Ruta
dos Faros’, que percorre un dos grandes atractivos da costa galega e que este
ano inclúe visita ao Faro de Estaca de Bares e o de Illa Pancha; a ‘Ruta dos
pazos e xardíns históricos’, que recorre desde Santiago ata Vigo para visitar o
Castelo de Soutomaior ou o Pazo de Quiñones de León; a ‘Ruta da Lamprea’, que
inclúe unha visita ao museo da lamprea ou á fortaleza de Salvaterra ou ‘Ruta
Lugo Romano’, que permite visitar o casco histórico de Lugo e unha visita ao
Balneario de Lugo.
Como cada ano, os trens turísticos de
Galicia, tamén inclúen as cinco rutas que percorren as Denominacións de Orixe
dos nosos viños coa Ruta do Viño Ribeira Sacra, a das Rías Baixas, a de
Monterrei, a do Ribeiro-Rías Baixas, a de Valdeorras-Ribeira Sacra.