Buscar/Hemeroteca

martes, 30 de mayo de 2017

O rexistro de vivendas de uso turístico rexistra 2.000 altas en 20 días

Desde a entrada en vigor do novo decreto de vivendas de uso turístico, hai 20 días, rexistráronse xa máis de 2.000 vivendas desta modalidade na Comunidade galega. Así o avanzou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a súa participación nunha charla informativa sobre esta normativa, impartida na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), onde estivo acompañada pola directora xeral de Administración Local, Marta María Fernández-Tapias.

Nava Castro explicou que, desde a entrada en vigor do decreto, as novas altas están a ir a moi bo ritmo, tanto de maneira telemática como de maneira presencial nos rexistros da administración dirixidos aos servizos provinciais de Turismo de Galicia correspondentes.

Neste senso, recordou que estes primeiros datos demostran que o decreto non diminuirá a oferta deste tipo de aloxamento, senón que a incrementará debido “á maior seguridade xurídica para poder exercer a competencia”, explicou.

A responsable de Turismo da Xunta describiu este decreto como unha “oportunidade” para o sector e tamén para os particulares e indicou que se trata dun modelo flexible e de moi sinxela aplicación sendo a Xunta o executivo autonómico que regula de maneira máis doada este tipo de alugueiro.


Nava Castro animou aos propietarios de vivendas a que cumpran os requisitos a acollerse a esta nova modalidade, recordando que o procedemento para darse de alta como vivenda turística implica a presentación dunha declaración responsable de inicio de actividade. Deberase cubrir o modelo normalizado que se publica xunto ao decreto e que está dispoñible na páxina web de Turismo de Galicia,  así como o xustificante de pago das taxas de clasificación turística de 56,82 euros. 

No hay comentarios: