O Quiosco da Praza de Arzebispo Lago será un punto de promoción turística en Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía converterá o quiosco da Praza Arcebispo Lago nun atractivo punto de promoción turística e de información municipal. Con esta finalidade o deseñador local, Jorge Jiménez, deseñou o proxecto encargado polo Concello para o acondicionamento da instalación aos novos usos previstos. A idea é aproveitar todas as caras do quiosco pentagonal a modo de escaparates no que exhibir a información turística, cultural, deportiva, de ocio e de programas municipais de especial interese para a cidadanía. Para elo combinaranse audiovisuais con imaxes fixas proxectadas en caixas de luz. A actuación proxectada ascende a 24.519 euros.

O Concello recuperou hai uns meses a concesión do quiosco da Praza de Arcebispo Lago que levaba un tempo en desuso. O seu emprazamento no centro da cidade e a propia fisionomía da instalación foron as principais razóns polas que se optou por darlle un uso promocional e convertelo en punto de información. 
O proxecto realizado por Jiménez aproveita tanto a estrutura do quiosco como os peches e intervén nos revestimentos.