O POCTEP concede case 3 millóns de euros para o desenvolvemento da fronteira do Miño

A concesión dos fondos europeos do programa Interreg VA-POCTEP para o territorio transfronteirizo do Miño ascende a preto de 3 millóns de euros. O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez cualificou de "histórica" a aprobación dos proxectos presentados pola Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho e subliñou que a contía dos fondos aprobados "é a máis alta destinada dende a UE a un proxecto común e global para a mellora e desenvolvemento da fronteira do Miño" dende a construción das diferentes pontes entre o Sur de Pontevedra e o Norte de Portugal.

Dous millóns de euros destinaranse o programa ‘Visit Rio Minho' e 942.022,47 euros o programa ‘Smart Minho' (dos que a UE aporta o 75%) beneficiarán a todos e cada un dos concellos da raia (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo e Crecente, xunto coas câmaras portuguesas) e destinaranse ao deseño estratéxico do territorio, con intervencións inmateriais e culturais para poñelo en valor e fomentar o turismo. 

Tamén está contemplado o plan de transportes transfronteirizo que leva tempo en proxecto. Todas as actuacións, segundo asegurou Benítez, serán xestionadas pola nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño que está a piques de ser aprobada de xeito definitivo.

É a primeira vez que a Deputación de Pontevedra, a través da nova área de Cooperación Transfronteiriza creada polo novo goberno provincial da man do deputado Uxío Benítez, se implica - con éxito- ao solicitar fondos europeos nunha candidatura de estratexia común que propón un concepto global do Miño transfronteirizo. É preciso destacar que na Península Ibérica só foron admitidas 130 candidaturas escollidas entre centos de programas presentados relacionadas coas fronteiras e, en dúas delas, a Deputación de Pontevedra e o territorio do Miño son protagonistas.

A intención é desenvolver os primeiros estudos, proxectos e actuacións no que queda de ano.