O Concello de Santiago participa na campaña Quere o teu mercado

Gemma Sesar e Joaquín González Dorao, autora e ilustrador da Guía Ilustrada da Praza de Santiago de Compostela, serán os protagonistas do acto central da celebración da campaña Quere o teu mercado en Santiago de Compostela, coa conferencia que impartirán o venres 26 de maio da Aula Gastronómica da Praza de Abastos. A autora compartirá coas persoas asistentes as súas lembranzas e vivencias como asidua usuaria da praza dende a súa nenez, mentres Joaquín González elaborará en directo unha ilustración do mercado.

Editarase tamén un póster conmemorativo para a celebración da campaña co slogan "Sen conservantes nin colorantes", que se repartirá xunto co resto do material promocional elaborado pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia entre todas as persoas que realicen as súas compras nos días de celebración da campaña Quere o teu mercado.

Quere o teu mercado é o lema en galego da Love Your Local Market, con orixe no Reino Unido e promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets. Este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.

En Galicia, esta iniciativa é promovida dende hai tres anos pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos, prazas de abastos e federacións e asociacións de comerciantes. Neste ano organizaranse actividades en máis de 90 mercados de Galicia, distribuídos por todo o territorio, incentivando así a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio.

A participación do Concello de Santiago nesta campaña complétase cun plan de formación deseñado en colaboración coa Praza de Abastos para facilitar a mellora profesional de praceiras e praceiros. No marco deste plan de formación impartiranse as seguintes accións formativas.