O CIFP Compostela marida bocados galegos con viños da Ribera del Duero

Alberto Tobes, técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribera del Duero, foi o encargado de ofrecer a cata maridada que tivo lugar no CIFP Compostela con motivo do 50 aniversario do centro. Foron dúas xornadas nas que profesionais do sector, alumnos e profesores da escola atenderon a todas as explicacións ofrecidas sobre as características da D.O. Ribera del Duero, a tipicidade dos seus viños e as técnicas de cultivo e de elaboración.

Ademais das explicacións técnicas, os asistentes asistiron á maridaxe destes viños con produtos típicos galegos. Os pratos preparados para estas clases maxistrais de cociña foron: Lombiños de caballa ao forno sobre pisto, Tosta de pan galego con salmón afumado sobre cremoso de queixo, Guiso de fabas de Lourenzá con morcilla e touciño, Coxa de coello á cazadora (bacon, pataca parisien, champiñóns e un caldo ou fondo de hortalizas), Pequeno entrecôtte de Tenreira Galega á pementa negra con pataca ponte nova, Rabo de Tenreira Galega estofado con crema de pataca de Galicia, e Mousse de chocolate negro sobre biscoito de avelá e coulis de froitas vermellas (amorodos e moras).

Os pratos foron maridados acompañando aos viños xenéricos do Consello Regulador da D.O. Ribera del Duero: viño tinto xoven, viño tinto xoven en barrica, viño tinto crianza, viño tinto reserva, viño tinto Gran reserva e viño de autor. Alberto Tobes afirmou aos presentes que a idea era comprobar, “cos viños diante, cal combina mellor con cada prato”.