Medio Rural investiga os efectos ambientais das explotacións de poco celta en extensivo

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, está a desenvolver unha investigación sobre o porco celta. En concreto, en colaboración con centros de Asturias e País Vasco, preténdese descubrir cal é a carga gandeira ideal para maximizar a produción cuns efectos ambientais sobre o entorno asumibles. 

A coordinación do proxecto corre a cargo do centro da consellería pero tamén colaboran a Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (Serida) de Asturias e o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) de Derio. Responsables de todos estes centros reuníronse en Lourizán para compartir as actividades xa realizadas e revisar conxuntamente os resultados, xa que este proxecto comezou o 1 de xaneiro de 2016. Na cita sinaláronse os obxectivos e as publicacións conxuntas previstas no futuro. Enmarcado neste encontro de colaboración, os investigadores desprazáronse ao concello de Rois para ver o ensaio práctico instalado no monte veciñal da Cubela, Cudimonte e Rois. 

A través deste traballo e con estes catro equipos de investigación preténdese coñecer o efecto que as piaras en réxime extensivo, as habituais no porco celta, teñen sobre o medio e comparalas cos réximes semiextensivos e tamén as razas autóctonas coas híbridas.