Buscar/Hemeroteca

viernes, 26 de mayo de 2017

Máis dun millón de euros para a promoción da provincia de Ourense con Portugal

A Unión Europea, no marco do Programa POCTEP de cooperación con Portugal, destinará  máis dun millón de euros co obxectivo de potenciar os ámbitos termais, natural, económico e turístico do territorio ourensán

Os tres proxectos aprobados son: "Comunidade Territorial de Cooperación (CTC) Limia-Lima Cávado", de desenvolvemento económico; o "Geres-Xurés-Dinámico", para a dinamización da reserva da biosfera transfronteriza, e "Raia Termal", para o desenvolvemento do destino turístico termal de fronteira Galego-Portuguesa, e neles participa a Deputación de Ourense por medio do Inorde.

No caso do proxecto "CTC Limia-Lima-Cávado" o obxectivo é afondar na cooperación institucional, económica e do tecido empresarial, así como no desenvolvemento do espírito empresarial da poboación xove, e promocionar os recursos do territorio no ámbito do turismo de natureza e náutico. Neste proxecto participan como socios o Inorde e as comunidades intermunicipais do Cávado e do Alto Minho.

O proxecto "Geres-Xurés-Dinámico" ten como obxectivos valorizar os recursos endóxenos naturais, culturais e sociais, compatibilizar as actividades humanas coa conservación dos ditos recursos, e promover un turismo sustentable e a conservación da biodiversidade. Nel participa a Deputación de Ourense con outros doce socios, entre cámaras municipais, asociacións rexionais e a Axencia de Turismo de Galicia.

O terceiro dos proxectos, "Raia Termal", pretende potenciar o sector turístico termal transfronteirizo, impulsando unha estrutura conxunta de cooperación en rede e deseñando e poñendo en marcha iniciativas conxuntas para valorizar economicamente os recursos termais e os espazos naturais, impulsando o seu posicionamento nos mercados español, portugués e europeo. Neste proxecto participa a Deputación de Ourense coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e as cámaras municipais de Melgaço e Terras do Bouro.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou que o Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 "considérase un instrumento clave para o desenvolvemento de proxectos na provincia de Ourense en cooperación con Portugal".

Interreg financia cun máximo do 75 % (axuda FEDER) o importe destes proxectos, que suman un total de case seis millóns de euros, dos cales investiranse 1.497.050 euros na provincia de Ourense, o que supón unha captación financeira de 1.122.788 euros de axuda FEDER.

No hay comentarios: