Lugo acolle a IV Feira da Cervexa Artesá-Arde Lupulus

A Praza Horta do Seminario de Lugo acolle este fin de semana a IV Feira da Cervexa Artesá-Arde Lupulus. Organizada pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e patrocinada polo Concello de Lugo, trátase dunha cita para dar a coñecer este produto elaborado de xeito artesanal e profundizar na cultura que xira ao redor da cervexa.

A IV Feira da Cervexa Artesá-Arde Lupulus foi presentada pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, Esteban Loureiro

Durante o acto de presentación, Basadre subliñou a importancia de actividades deste tipo, que serven, por un lado, de promoción para produtos artesáns, que teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus produtos mediante un formato aberto, ao tempo que se apoia ás persoas emprendedoras e se dinamiza a actividade e vida da cidade. A edil tamén destacou o número de cervexas artesáns que hai en Lugo, e felicitou ao colectivo que a día de hoxe está a desenvolver o gran potencial deste produto e sector. 

Pola súa banda, Loureiro agradeceu ao Concello o seu apoio, por cuarto ano consecutivo, con esta cita, mentres que convidou á cidanía a achegarse á Praza Horta do Seminaio durante este fin de semana. 

A entrada a esta feira, que tamén contempla stands de comida e múltiples actividades relacionadas con este evento, é de balde. Nela poderanse degustar máis de 60 tipos de cervexas de toda Galicia, que farán degustacións e venderán os seus produtos naturais, podendo descubrir todas as persoas que se acheguen distintos matices e experimentar novos sabores.