Festival Internacional da Música Celta de Ortigueira, altofalante para a Ferrol Terra

O Festival Internacional da Música Celta de Ortigueira está a ter nos últimos anos unha repercusión moi importante no destino das Rías Altas-Ferrolterra ao converterse nunha das súas mellores cartas de presentación e en todo un incentivo turístico e económico da zona.

Semellante aserto foi realizado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a presentación da XXXIII edición do festival, ao tempo que recordou a aposta do seu departamento por impulsar festas como estas polo seu importante valor como medio de difusión dos recursos turísticos e patrimoniais de Galicia no seu conxunto. 

Neste sentido, referiuse ás 135 declaradas de interese turístico, das que 11 son de interese nacional e 9, entre as que se atopa este festival, teñen a consideración de ser declaradas Festas de Interese Turístico Internacional e están xa consolidadas como como “grandes reclamos que proxectan a esencia de Galicia no estranxeiro”.

O Festival Internacional de Música Celta de Ortigueira é un importante reclamo de visitantes, como demostran as cifras acadadas por este festival que é capaz de acoller a preto de 100.000 de media, chegados de diversos lugares do mundo que, ademais de gozar de boa música, tamén o fan desta vila mariñeira e de toda a comarca.