Estudio para mellorar a Faba de Lourenzá

A Consellería do Medio Rural segue a traballar en favor da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, desta vez coa investigación e o estudio das variedades de fabas galegas. A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, mantivo un encontro con representantes do consello regulador da IXP, coa cooperativa produtora desta variedade Terras da Mariña e co investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio de Ron, para coñecer os avances dos traballos levados a cabo. No encontro tamén estiveron presentes deputados da provincia de Lugo, Raquel Arias e Daniel Vega.

Na cita deuse conta das investigacións que dende a Misión Biolóxica de Galicia se están facendo ao respecto da faba de Lourenzá como un estudio sobre o valor nutritivo e culinario desta variedade protexida, pero tamén sobre as variedades de sementes que hai na nosa comunidade.

Medio centenar de produtores están amparados dentro da IXP Faba de Lourenzá, ademais de oito almacenistas e envasadores. Calcúlase que se comercializa unha produción superior aos 9.000 quilos cun valor económico estimado de 84.000 euros.