Enofestival Ourense 2017 o 1 de xullo

O Enofestival Ourense 2017, que se celebrará o día 1 de xullo, de 20:30 a 00:30 horas no Bulevar Termal de As Burgas complementa as Festas de Ourense 2017, que amplían así a súa programación.

O certame márcase como obxectivo promocionar a cultura do viño, contando coa presenza de adegas e colleiteiros/as da provincia de Ourense, cun perfil definido: viñosauténticos, de "autor", deses que "namoran" ao consumidor, que priman o respecto ao viñedo e utilizan os métodos máis tradicionais, apoiados nas novas tecnoloxías.

Para buscar unha "maridaxe" perfecta, festiva e atractiva, a gastronomía estará presente con propostas locais "km 0". A música será tamén fío condutor do evento, en formato festival, con 3 grupos enmarcados no estilo pop-rock actual.

Esta terceira edición do Enofestival Ourense volve apostar polo Bulevar Termal de As Burgas. MCarballo Band será a representación ourensá. Un grupo consolidado co guitarrista Manuel Carballo como maior referencia. Seguiranlle no escenario The Limboos, un dos grupos máis importantes do Rhythm and Blues na escena nacional. Banda emerxente, chamada a ocupar un lugar destacado nos vindeiros anos.

E como colofón, Arizona Baby, banda cun estilo pop-country característico, que triunfa xa en toda España, tras unha sólida traxectoria de 14 anos e 4 discos editados. 

Para acompañar a música, estarán presentes 6 bodegas das denominacións de orixe de Ourense, que ofrecerán os seus viños ás persoas asistentes. Tamén haberá unha zona de gastronomía, e venderanse bebidas sen alcol.