Concurso de deseño para o novo cartel do San Froilán

Xa están publicadas as bases que rexerán no concurso de deseño gráfico para escoller o cartel do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2017, que terá lugar do 4 ao 12 de outubro. Poden concorrer cantas autores e autoras o desexen, con traballos de técnica libre, presentando cada persoa cantas obras considere oportunas, sempre orixinais.

Os deseños, tal e como explicou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua,Carmen Basadre, contribuirán a enxalzar Lugo e as súas festas patronais, a propia edil recordou os aspectos obrigatorios a figurar nas creacións: Lugo, San Froilán 2017; 4-12 de outubro, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como a imaxe corporativa do Concello e os logotipos das redes sociais existentes destas festas: Instagram, Twitter, Facebook e Youtube.

Os traballos presentaranse na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, sita na praza Maior, 1, 27001 Lugo, ata o mércores 31 de maio, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50 x 70 cm e con 72 ppp de resolución (1.417 x 1.984 píxeles), en soporte CD ou lapis de memoria, e pódese facer persoalmente ou por correo postal. Poderase enviar tamén por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2017. 

Se algunha persoa participante o desexa tamén pode entregar o cartel montado a sangue sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50 x 70 cm. As obras entregaranse de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento aparte.

Os deseños presentados serán exhibidas nas redes sociais do San Froilán, onde se fará unha votación popular. E un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros.