Comeza a veda do polbo

A veda do polbo en Galicia comezará este venres 19 de maio e rematará o 3 de xullo de 2017. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2017/2018, que establece o período de veda do polbo para este ano dende entre as 16:00 horas do venres, 19 de maio ata as 05:00 horas do luns, 3 de xullo.

O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. Este tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas acadadas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan de experimental do polbo, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.