Charla na EVEGA sobre a repoda de vides afectadas pola xeada

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, aculleu a visita de 70 viticultores e adegueiros co fin de asesorarse nos traballos de repoda levados a cabo nas vides do centro afectadas pola xeada.

Diversos técnicos resolveron as dúbidas plantexadas por estes profesionais afectados polas inclemencias do tempo de finais de abril, para levar a cabo uns correctos traballos de recuperación das viñas. Así, puideron observar in situ a repoda das cepas co obxectivo de tentar salvagardar a vindeira produción da pranta. Tamén se achegaron ata o centro os alumnos do ciclo formativo de grado medio de elaboración de aceites e viños, que imparte o instituto de educación secundaria O Ribeiro.

A Consellería do Medio Rural lembra que a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia está todo o ano á disposición dos profesionais do sector vitivinícola, dende viticultores e adegueiros pasando por enólogos, persoal técnico de empresas vitivinícolas, de consellos reguladores, de oficinas comarcais agrarias, persoal investigador e estudantes. A súa función é optimizar a produción vinícola a través da investigación e da experimentación, pasando polo asesoramento aos integrantes dun sector ten estratéxico para a economía de Galicia.