Cen millóns de euros para o sector conserveiro

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou, durante o acto de entrega das Medallas Anfaco-Cecopesca, un plan estratéxico para a industria conserveira que consolide o sector nos mercados gourmet e manteña a Galicia como potencia mundial neste eido. Ademais avogou por traballar conxuntamente co sector para incrementar a competitividade buscando tamén o valor engadido dos subprodutos da pesca e descartes.

Co obxectivo de seguir buscando o valor engadido en cada produto, Feijóo avanzou a posta á disposición de 100 millóns de euros para o sector, entre fondos europeos, do Goberno central e da Comunidade Autónoma.

Ao longo da súa intervención recordou que Galicia sempre soubo aproveitar as potencialidades dun sector que supón arredor de 12.000 empregos, un 6,5% do emprego industrial, e que factura anualmente case 1300 millóns de euros. Dun sector competitivo que nos sitúa como a primeira rexión europea e a segunda mundial na produción de conservas de peixes e mariscos e con capacidade para chegar lonxe, ao exportar o 80% da súa produción. 

Nese camiño, Feijóo incidiu en que hai moitos axentes implicados como proba o acto de entrega das Medallas Anfaco-Cecopesca. E nesta liña salientou o recoñecemento ao Parlamento de Galicia coa Medalla de Ouro, a Medalla de Prata á conselleira Rosa Quintana e subliñou a traxectoria e a dedicación das traballadoras Dolores Couto Loureiro, de Conservas Calvo; e de Josefa García Lage, de Fillos de Carlos Albo, medallas de bronce.