Arrinca a XIV edición do Festival de Cans !

Hoxe arrinca a XIV edición do Festival de Cans na que, dende o 24 ao 27 de maio, a parroquia porriñesa se convertirá no epicentro do noso audiovisual. Serán catro días de celebración arredor da música e o cine nunha das edicións do certame con máis carga social e máis multidisciplinar na súa programación, que este ano reforza as actividades adicadas á literatura ou á gastronomía. 

A primeira xornada será, un ano máis, o Día dos Veciños e Veciñas, con actividades protagonizadas e dirixidas á xente de Cans. Tamén arrinca mañá Cans do Futuro, a actividade do festival ideada para os escolares, e inauguramos os Coloquios con Aisge co “Taller da memoria”, que recuperará as vivencias de algúns dos actores pioneiros do teatro e a televisión en Galicia. Manuel Lourenzo, Xan Cejudo, Pirula Expósito e Pilar Pereira estarán neste encontro co público acompañados do actor Juan Jesús Valverde -coordinador deste obradoiro- e Isabel Blanco -delega da de Aisge en Galicia-.

O Festival de Cans non sería posible sen o papel que cada ano xogan os seus veciños e veciñas. Dende os máis novos que se converten nos “Guías dos camiños” ata os máis veteranos que levan anos prestando as súas propiedades e poñendo o seu traballo a disposición de todo o mundo. 

A xente de Cans é ademais protagonista activa no festival, participando en producións audiovisuais e actuacións musicais, recibindo premios e homenaxes, traballando na equipa organizadora, ou decidindo que curtas merecen o recoñecemento da veciñanza. Este ano os encargados desta labor serán cinco persoas ben coñecidas na parroquia:
* Jesusa Fortes, “Susa do Barbado”. Susa ten 74 anos e é taberneira xubilada. Estivo ó fronte do histórico Bar Barbado, no barrio dos Eidos.
* Milagros Ramilo, “Milagros de Ramilo”. Milagros ten 73 anos e traballou como ama de casa e foi tamén emigrante en Francia. Representa ó barrio da Graña.
* María Rodríguez Campos, “Maruja da Capilla”. Naceu no barrio da Pedreira, debaixo do Monte Castelo. Ten 66 anos e é xubilada de Frigolouro, onde traballou toda a vida.
* Ramón Areal Quintas, “Moncho de Perucho”. Ten 46 anos e é carpinteiro de aluminio. É do barrio da Buraca.
* Sandra Carballo. Ten 24 anos, traballa como auxiliar de enfermería e vive no barrio dos Eidos.

A tarde comezará ás 16h00 no Baixo de Bugarín para proxectar unha escolma dos últimos booktrailers que están a facerse no país, e continuará ás 17h00 coa proxección do filme "Esquece Monelos", a primeira longametraxe da directora Ángeles Huerta, vella amiga de Cans e gañadora dunha Mención Especial do Xurado na última edición de DocumentaMadrid.