A Mesa do Camiño incorpora o Camiño Portugués pola Costa e o Camiño de Inverno

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na Mesa do Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra, integrada pola Xunta de Galicia, os concellos polos que pasa esta Ruta Xacobea nesta provincia e a Deputación de Pontevedra.

Un encontro no que a Mesa aprobou o seu regulamento, en virtude do cal, ademais do Camiño Portugués e a Vía da Prata- Camiño Mozárabe, incorpóranse o Camiño Portugués da Costa e o Camiño de Inverno, tras a súa declaración oficial como Camiño de Santiago.

Durante a reunión, a responsable de Turismo da Xunta - tras salientar os datos de peregrinos que superaron no ano 2016  os 52.000 peregrinos polo Camiño Portugués -informou das diferentes intervencións en materia de sinalización, accesibilidade, seguridade e promoción levadas a cabo nas rutas da provincia.

Neste sentido, recordou que, tras a declaración oficial do Camiño Portugués da Costa e do Camiño de Inverno como Camiño de Santiago, Turismo de Galicia está a promover, á espera da delimitación destas rutas, un reforzo da sinalización provisional existente coa colocación de mouteiras, placas, frechas e conchas de bronce.

No caso do Camiño Portugués da Costa colocáronse máis de 80 mouteiras, unha cifra similar á que se está a colocar no Camiño de Inverno, onde se instalarán un total de 78.