A EVEGA organiza a primeira semana vitivinícola de Galicia

Entre o 5 e 8 de xuño a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza a primeira Semana Vitivinícola de Galicia, que se celebrará na cidade de Ourense. O evento pretende ser unha gran cita para o sector do viño que combinará actividades técnicas con outras de carácter divulgativo e, polo tanto, de interese para todo o público. 

A súa apertura coincide co I Encontro de Viticultura Galicia-Norte de Portugal no que se darán cita ata 40 investigadores de ambos territorios para intercambiar coñecementos técnicos e marcar as pautas de colaboración futuras. O congreso, que será o primeiro a celebrar pola Evega cos grupos de investigación en viticultura de Galicia e o norte de Portugal, servirá de guieiro nas actuacións conxuntas cara a seguir modernizando a nosa vitivinicultura e perfilar as liñas mestras que se prevén levar a cabo nos proxectos dos próximos anos. Esta xornada celebrarase o 6 de xuño no centro cultural Marcos Valcárcel e o prazo de inscrición está aberto ata o día previo.

Xa o mércores 7 de xuño haberá unha mesa-faladoiro sobre o viño e a cultura galega no que se pretende afondar en aspectos menos coñecidos sobre a vinculación deste sector coa historia da comunidade, tanto dende o punto de vista histórico-arqueolóxico, gastronómico coma literario. Neste caso a entrada é libre ata completar o aforo e a xornada rematará cunha cata de viño comentada. 

Para o taller do día seguinte, 8 de xuño, en cambio, requírese inscrición previa, precisamente polo seu carácter práctico. Tratará de formar expertos en análise sensorial a través de novos procesos na mecánica de percepcións dos viños. O obxectivo é adestrar ao catador para que coñeza as substancias que se vai encontrar nos viños e percibir esas sensacións en doses cada vez máis pequenas. Será na sala do Liceo Recreo Ourensán.

Ese mesmo día haberá dúas actividades máis con entrada libre cun máximo de 100 prazas. Unha xornada sobre novas tendencias de marketing e innovacións tecnolóxicas e unha mesa faladoiro sobre a viticultura heroica, aquela que se celebra na alta montaña e pendente. No primeiro caso o evento celébrase en La Molinera e participarán como relatores a técnica de Vitis Europa do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL), María Carmen Saborido, a secretaria ténica da Plataforma Tecnolóxica do Viño, Trinidad Márquez, e o director de Estudios de WineIntelligence para Iberoamérica, John Richard David Park.

Xa pola tarde é cando a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe (CRDO) de Cangas de Narcea, en Asturias, Beatriz Pérez, falará da viticultura heroica na súa zona. O mesmo fará sobre a viticultura nas illas Canarias a enóloga da adega Viñátigo (de Santa Cruz de Tenerife), Elena Batista, e por parte de Galicia falará, José Manuel Rodríguez, presidente do CRDO Ribeira Sacra. A xornada, no centro cultural Marcos Valcárcel, rematará cunha cata comentada dos viños heroicos.

Ademais da Consellería do Medio Rural, na celebración deste evento colaboran a Deputación Provincial de Ourense, o Concello, o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) e a Fundación Juana de Vega. Así mesmo prestan colaboracións a Plataforma Tecnolóxica do Viño, o proxecto europeo Vitis Europa e a empresa ourensá Taste Galicia. Os interesados poden ter máis información e inscribirse nas actividades enchendo un formulario dispoñible na web da Evega: http://evega.xunta.gal/