A EVEGA analiza en Arbo o futuro dos ecumosos galegos

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Consellería do Medio Rural, organiza o luns en Arbo unha xornada técnica na que se analizará o futuro dos escumosos galegos baixo o título “Os escumosos galegos. Tendencias e innovacións”. 

O evento forma parte do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao agro galego 2017 e desenvolverase no salón de actos do edificio multiusos desta localidade pontevedresa en horario de mañá. No mesmo colaboran o Concello de Arbo e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).

Malia que o seu volume de produción aínda non é moi grande, en Galicia estase a producir nos últimos anos unha tendencia nas adegas polas novas elaboracións, entre elas os viños escumosos. A calidade destes viños vén ligada fundamentalmente á variedade que produce o viño base; neste sentido as variedades treixadura, godello, albariño e mencía, entre outras, reúnen as características axeitadas para a produción dun espumoso de calidade.

Algúns consellos reguladores das denominacións de orixe de viño en Galicia están a adaptar xa o seu regulamento para a inclusión de este tipo de viño. Así mesmo, están a formar expertos en análise sensorial de espumosos para o comité de cata co gallo de definir dende un punto de vista tecnolóxico a elaboración do escumoso galego coa finalidade de obter unha calidade recoñecida.

Cada día hai novos estudos e proxectos que insiren un matiz innovador na elaboración deste tipo de produtos que lle poden outorgar un gran valor engadido. Ademais, hai adegas galegas que xa elaboran diversos escumosos con variedades autóctonas, obtendo un gran éxito no mercado galego porque aínda que é un produto novo, conta con gran demanda.