A Denominación de Orixe Valdeorras participa cun stand propio na 37ª edición da London Wine Fair, un dos foros máis relevantes do eido do viño de cantos se celebran no ámbito europeo. Un total de dez bodegas da comarca exhibirán as súas referencias máis significativas de brancos e tintos dentro do espazo expositor do Consello Regulador, que participa nesta feira co apoio do ICEX.
Trátase da segunda visita consecutiva á London Wine Fair que Francisco García Álvarez realiza como presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. García, que acode á cita xunto á secretaria xerente do organiso, Alda Pérez, considera “prioritario” seguir a “desenvolver accións de promoción para os viños da comarca” posto que “favorecen a súa vibilidade e proxección internacional”. Precisamente, a intensificación das accións de promoción está a ser unha das señas de identidade da Presidencia de Francisco García. Neste sentido, no que vai de ano téñense desenvolvido actos promocionais en Santiago e Madrid e o Consello Regulador participou xa na feira alemá de Prowein. Xunto a isto, o organismo acaba de decidir participar en novembro próximo na Feira de Hong Kong.
Dentro do stand de Valdeorras, dez bodegas con presenza na zona darán a coñecer as súas referencias. Trátase de O Luar do Sil S.L; Bodega Ruchel S.L; Guitián y Blanco S.C; Bodega Virxe de Galir S.A.T; Adega A Coroa S.A.T; Bodega Roandi S.L; Bodega Cooperativa Jesús Nazareno; Bodega Santa Marta S.A.T; Bodega Joaquín Rebolledo S.A. e Bodega Cooperativa Virxe das Viñas.