A Deputación de Ourense outorgará a Medalla de Ouro da Provincia a Carlos Casares

Na clausura do acto conmemorativo do Día das Letras Galega 2017, dedicado a Carlos Casares, anunciouse que a Deputación de Ourense outorgará a Medalla de Ouro da Provincia, a título póstumo, ao escritor ourensán, "excelente embaixador da Ourensanía". Este xoves se asinará a providencia para iniciar o expediente para a concesión da dita distinción, iniciativa que será levada ao pleno do presente mes de maio da corporación provincial.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou xunto a Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia; Antonio Pérez, alcalde de Xinzo de Limia; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Hakan Casares, fillo do escritor e administrador da Fundación "Carlos Casares", no acto conmemorativo celebrado na capital limiá, que contou tamén cun recital da obra de Casares a cargo de escolares dos centros CEIP "Carlos Casares", CEIP "Rosalía de Castro", IES "Lagoa de Antela" e IES "Cidade de Antioquía", así como coa cantante María do Ceo, quen interpretou a canción "Xinzo".

Baltar afirmou que Ourense "é un feito literario engrandecido polo seus escritores, como dixo Casares, quen universalizou o modo de narrar e abriu camiños á literatura galega", e remarcou que para a provincia de Ourense "é un orgullo o labor creativo de fillos seus, como Carlos Casares, que fan país e fan Galicia".