A 14ª edición do Festival de Cans pontencia os coloquios, a gastronomía e a música

O Festival de Cans chega nesta 14ª edición reforzando eixos fundamenteis da súa programación ao potenciar a liña dos coloquios e encontros e abríndose a outras discilplinas como a gastronomía, as artes plásticas ou a literatura, que confluirán na parroquia porriñense dende o 24 ao 27 de maio. 

A presentación desta edición, na Casa do Cid, contou coa presenza de Lourdes Moure -concelleira de Educación do Concello de Porriño-, Jacobo Sutil -director da Agadic-, Xosé Leal -deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra- Hugo Pérez -brand manager de Mahou para Galicia-, Alfonso Cabaleiro -director de Galicia Calidade- Isabel Blanco -actriz e delegada de Aisge en Galicia-, César Goldi -actor e membro do xurado das curtametraxes- e Alfonso Pato -director do Festival de Cans-.

O certame continúa adaptándose ano tras ano ás novas necesidades e demandas do público, polo que contará nesta edición cun xoves de Festival especialmente reforzado no tocante a contidos. A Praza do Concello do Porriño e a súa contorna serán testemuñas da Can Parade para implicar máis á veciñanza, tal e como apuntou Lourdes Moure, pero tamén da música dos irmáns Electric Feels ou o concerto da Banda Escuchando Elefantes. Ademais, os cociñeiros Mahou Inés Abril e Rafa Centeno -do restaurante Estrella Michelín Maruja Limón- ofrecerán “Tapas de cine” ao público asistente mesturando cinema e produtos do país. Nesta xornada do xoves 25 tamén se desenvolverá no Bar Liceum do Porriño o I Encontro de realizadores e realizadoras de videoclips do Festival de Cans, ao que se lle suman coloquios que terán lugar durante o Festival coma o habitual Café con CREA -que contará como convidado especial nesta ocasión con Guillermo García, director do documental Frágil equilibro e gañador dun premio Goya-, o II Encontro de curtametraxistas no Espazo Mahou na Leira de Alicia. 

Ademais súmanse a estas actividades as visitas de actores e actrices de AISGE -tal e como comentou Isabel Blanco- que recibirán cada mañá os asistentes ao Festival ou o xa tradicional Coloquio na Leira, que nesta ocasión terá como protagonista ao cineasta Montxo Armendáriz. Armendáriz, un director que foi galardoado en dúas ocasións co premio Goya e estivo nomeado nunha ocasión aos premios Oscar na categoría “mellor filme extranxeiro” por Secretos del corazón, será nesta ocasión o encargado de encher a Leira de curiosos.

A Leira de Alicia e o Espazo Mahou

O Jalpón de Alicia, contiguo á coñecidísima Leira, terá unha programación especial que fusionará música con audiovisuais ao acoller unha escolma dos mellores videoclips de Eladio y los Seres Queridos e a estrea mundial do novo videoclip de Terbutalina “Ninguén che quere”, que formará parte de “Sonido Esteiro“, o seu próximo traballo. O director do Festival, Alfonso Pato, salientou que este ano o certame terá un especial oco para pezas audiovisuais relacionadas coa catástrofe do Prestige catástrofe do Prestige como Crebinsky -de Enrique Otero-, Carcamáns -de Marcos Nine-,Man -Manuel Abraldes-, ou Toxic percebe -de Xabier Jácome-. Ademais para lembrar a efeméride destes 15 anos do Prestige, estrearase tamén nesta edición do Festival o documental inédito Mar de fondo, do cineasta Dani Guzmán, que foi gravado durante unha estadía súa en Galicia no 2002 tras o accidente.

A música segue estando na primeira liña do Espazo Mahou na Leira de Alicia, comentou Hugo Pérez, véndose incrementada nesta edición con León Benavente, Eladio y los Seres Queridos, Edu Romero ou Nico Pastoriza na súa faceta de DJ’s pero tamén invadirá por completo o Torreiro cos concertos de Corizonas, Adrián Costa & The Criers, Familia Caamagno ou Terbutalina. Ritmos dos anos 60, pop, indie, punk e rock and roll para non deixar indiferente a ninguén.

Os nenos e nenas cobran cada vez máis protagonismo en Cans, feito que celebrou o actor César Goldi durante a súa intervención, e por iso reforzamos a programación infantil, que segue medrando con proxeccións, música e obradoiros. 

O Festival abrirá o próximo xoves 11 de maio ás 10h00 o segundo prazo de venda de entradas que dan acceso á proxección da sección oficial de curtametraxes a concurso do sábado 27 de maio. As entradas, que se poderán adquirir ata o día 17 de maio, terán un custe de 12€. O lugar de recollida será o posto de merchandising do festival durante o venres e o sábado do evento. Ademais, os compradores poderán recoller tamén de forma gratuíta durante os días do festival o catálogo con información ampliada de todas as actividades.

Nesta ocasión tamén estarán á venda entradas simples para actividades individuais como a proxección de Mar de fondo (100 entradas, 3€), a proxección de Linko (75 entradas, 3€) o espectáculo de Polo Correo do Vento (50 entradas, 3€), o espectáculo de O Trío do Acivro (50 entradas, 3€), a proxección de Frágil equilibrio con concerto de Uxía (60 entradas, 5€) e a escolma de pezas audiovisuais de Radio Océano con actuación da banda (60 entradas, 5€).

O resto das entradas venderanse o día 19 de maio ás 19h00 no Torreiro de Cans. Estarán á venda entradas de todo tipo, no caso de estar aínda dispoñibles.