O Recinto Feiral de Pontevedra acolle esta semana, do xoves 11 ao domingo 14 de maio, o IV Festival de Cafés Especiais SCA España, onde se desenvolverán os Campionatos Estatais de Café, organizados polo Chapter Español da Asociación Europea de Cafés Especiais.
Dos 48 profesionais cafeteiros que demostrarán a súa técnica, traballo, disciplina e paixón polo café nas cinco modalidades: barista (12 participantes), latte art (10 participantes), brewer (6 participantes), cata (14 participantes) e coffee in good spirits (6 participantes), só un proclamarase campión e terá a oportunidade de representar a España nos Campionatos Mundiais organizados por World Coffee Events.
Con entrada gratuíta, o Festival permanecerá aberto ininterrompidamente de dez da mañá a oito da tarde. A SCA España preparou un programa con películas, conferencias, talleres e catas para esta cuarta edición do Festival que ten como obxectivo primordial transmitir valores de educación, cultura, saúde, profesionalidade e calidade na preparación dos cafés especiais por parte dos baristas profesionais.
Os Campionatos Mundiais celebraranse en Budapest (Hungría) do 13 ao 15 de xuño e alí loitarán cos mellores de cada un dos outros países participantes (ata 50), nas modalidades de World Latte Art Championship, World Cup Tasters Championship, World Brewers Cup e World Coffee in Good Spirits Championship. Á súa vez, o World Barista Championship terá lugar en Seoul (Corea do Sur) do 9-12 de novembro, e o World Coffee Roasting Championship, en Guangzhou (China), en decembro.
O IV Festival de Café Especiais é o resultado do esforzo da Speciality Coffee Association (SCA) por fomentar e difundir a cultura do café, que vai desde o produtor que cultiva a froita, ata o consumidor final que busca gozar da infusión, mediante a educación, difusión e profesionalización do sector. Asemade, conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial de Pontevedra, así como do CIFP Carlos Oroza, o CIFP Paseo das Pontes e o IES Terras do Xallas, que achegan persoas voluntarias para axudar no desenvolvemento do evento.