Vilagarcía propón crear unha ruta de sendeirismo que integra a todos os concellos bañados polo Ulla

O concello de Vilagarcía propuxo aos concellos que participan no programa de sendeirismo Goza do Ulla crear unha gran ruta que integre a todos os municipios situados a ambas beiras do río co obxectivo de ofrecer un produto de entidade que reúna os requisitos para poder ser homologada como Gran Ruta por parte da Federación Galega de Montañismo e ser incluída na rede de Camiños Naturais do Ministerio de Medio Ambiente. A proposta presentouna o concelleiro de Turismo, Juan Antonio Pérez Callón, no transcurso da reunión que os municipios que conforman actualmente o programa mantiveron en Touro para avanzar a posta en marcha dunha nova edición destas rutas de sendeirismo.

O modelo a seguir sería o que xa está en práctica nas rutas de O Courel, a Ribeira Sacra, Os Ancares, a Costa da Morte pi a Baixa Limia, por poñer algúns exemplos.

A iniciativa de Vilagarcía baséase na inclusión neste proxecto de todos os municipios do curso baixo do Ulla e polas dúas marxes. Cada concello tería que definir o percorrido polo seu territorio de xeito coordinado cos municipios limítrofes a efectos de darlle a continuidade. Tamén terían que determinar os atractivos oe elementos a destacar dentro do percorrido. Ademais proponse completar a senda con pontes de madeira para atravesar o río nas súas zonas más estreitas co obxecto de dar a opción á establecer diferentes rutas circulares en función dos quilómetros que os sendeiristas desexen facer. 

Dende Vilagarcía considérase que esta ruta tería éxito dada a crecente demanda de ecoturismo e turismo activo e pola variedade e atractivo do propio trazado que pasaría por zonas fluviais de interior, por esteiros próximos á desembocadura do Ulla na Ría de Arousa, por bancos marisqueiros como os dos Lombos e remataría en territorio dun Parque Nacional como é a Illa de Cortegada, xa na Ría de Arousa. Iso a maiores dos elementos de interese monumental, histórico ou etnográfico que hai por todo o percorrido, como muíños, pesquerías ou As Torre do Oeste, pro poñer un exemplo.