Valdeorras incrementou a produción de viño un 1,73% no último ano

A Denominación de Orixe (DO) Valdeorras incrementou nun 1,73% a súa produción de viño cualificado na última campaña, correspondente á vendima de 2016, en relación cos resultados de 2015. Esta DO xerou un valor económico estimado de 23,7 millóns de euros (cifra moi semellante á da campaña anterior) e aumentou levemente (arredor dun 1%) a superficie inscrita, actualmente situada nas 1.182 hectáreas.

Estes datos foron postos en valor pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen amosou o seu apoio a esta denominación cunha visita a varias adegas e cooperativas, nas que mantivo encontros con viticultores e adegueiros, aos que agradeceu o seu traballo e compromiso pola calidade.

Ánxeles Vázquez salientou a aposta da Xunta pola transformación e comercialización de produtos agrarios en xeral e do viño en particular. Así, indicou que Medio Rural destina este ano 27,4 millóns de euros a esta finalidade e que xa se recibiron 185 solicitudes, que suporán un investimento inducido no agro galego de 128 millóns de euros. Salientou que por sectores, os máis interesados nestas achegas son, precisamente, os viños e augardentes, con ata 81 solicitudes, sendo precisamente na provincia de Ourense na que máis peticións se rexistran relacionadas con estes eidos produtivos.