Buscar/Hemeroteca

viernes, 21 de abril de 2017

Turismo de Galicia presenta a folla de ruta ata 2020

Turismo de Galicia presentou na sesión do Consello Galego de Turismo que tivo lugar no Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago de Compostela, a nova Estratexia de Turismo de Galicia co horizonte no 2020 que fortalecerá a competitividade do turismo galego e o seu posicionamento como sector clave na economía galega.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro explicou que trátase dunha folla de ruta que contou para a súa elaboración coa participación de todos os axentes que conforman a cadea de valor do sector turístico galego a través dun proceso participativo cun amplo traballo de campo e unha profunda análise estratéxica. 

Sinalou Nava Castro que os seus obxectivos e actuacións buscan a mellora da competitividade do noso turismo, o seu posicionamento como sector clave na economía galega e a consolidación da nosa comunidade como un destino diferenciado a nivel global, competitivo, sustentable e adaptado aos cambios do mercado.

Así mesmo, explicou que a Estratexia incide no incremento dos turistas tanto nacionais como internacionais establecendo uns ambiciosos obxectivos sectoriais para o 2020 que pasan por incrementar en máis dun 21% os turistas que chegan a Galicia, ata acadar os 6.000.000, e impulsar o peso do turismo internacional ata representar máis do 33% do total, o que se traduce en 2.000.000 de visitantes estranxeiros. “Ademais traballaremos para mellorar a rendibilidade do sector a través do incremento da ocupación e o gasto medio que deixa o turista en Galicia”, engadiu.

Segundo sinalou Nava Castro, para logralo o plan establece 11 liñas de actuación que abarcan un total de 90 propostas de acción e conta cun investimento total para a súa implantación que supera os 240.500.000 euros.



No hay comentarios: