Semanas do Mar en Ourense

A Consellería do Mar e o Concello de Ourense están a organizar o obradoiro Recoñecemento da frescura do peixe branco e azul, organizado con motivo das Semanas do Mar de Ourense para promocionar distintas campañas e fomentar o consumo dos peixes e mariscos frescos e en conserva nas zonas do interior de Galicia. Dúas destas iniciativas son Ponlle as pilas ao teu bocata e O sabor da aventura está no mar, dirixidas ao público infantil co obxecto de ampliar o seu coñecemento e interese polo peixe e polas conservas.

Na súa visita a este obradoiro, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou que tamén se están a desenvolver actividades da campaña Do mar ao prato que ten por obxectivo xeral promocionar e difundir os produtos do mar no eido da hostalería. Neste sentido sinalou que tamén se busca familiarizar aos futuros cociñeiros co mundo do mar para que aumenten o seu interese polos peixes e mariscos galegos.

O obradoiro que se celebra baixo o nome Recoñecemento da frescura do peixe branco e azul, ten como finalidade aprender a recoñecer a frescura do peixe. Trátase dunha sesión práctica dirixida a consumidores na que os participantes realizarán unha análise de peixe branco e azul para a determinación do seu grao de frescura.

É unha iniciativa organizada polo concello de Ourense e pola Consellería do Mar que comezou est lúns e prolongarase ata o 21 de abril. Tamén se celebrou outra semana dedicada ao mar na provincia ourensá entre o 3 e o 7 de abril.

Dentro do programa de actividades estanse a realizar obradoiros, charlas para profesionais da hostalería, pescaderías e consumidores, showcookings e talleres infantís. Nestas iniciativas están a participar cociñeiros de renome como Flavio Morganti, Emma Pinal e Héctor López.