O xoves, venres e sábado foron os días que máis visitantes se achegaron á Praza do Campo, un total de 1.015. O venres tamén foi o día que máis turistas visitaron o Vello Cárcere, 364, rexistrando as visitas guiadas dese día máis de 82 persoas curiosas pola historia deste espazo de novo funcionamento, pero de historia moi dura.
Carmen Basadre fixo fincapé nos datos de luxo desta Semana Santa, que se suman aos que se viñan rexistrando nos últimos anos, o que pon de manifesto que Lugo xa é un destino turístico consolidado. Outro dos datos máis relevantes que acreditan á cidade como destino foi a ocupación hoteleria, que alcanzou un 95,78% de media, un 10% máis con respecto ao mesmo período do ano pasado.
Durante a pasada semana, pasaron pola oficina de turismo municipal e os museos máis de 3.900 viaxeiros nacionais, o que supón un 92% do total. Dentro da comunidade galega, os visitantes coruñeses estiveron á cabeza. Polo que respecta a turistas foráneos, pola Praza do Campo e os museos pasaron máis de 350 estranxeiros, dos cales o 49% procede de Europa. Estes días tamén visitaron a cidade 59 americanos. Dentro dos centros expositivos, que tiveron ao longo da Semana Santa un horario especial, o máis visitado foi a Casa dos Mosaicos, con 1.135 persoas, seguido da Domus do Mitreo, con 955.