Santiago pide a declaración de Festa de Interese Turístico para a Semana Santa

A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, presentou o expediente que nos vindeiros días se elevará á Xunta de Galicia para obter o recoñecemento da Semana Santa como Festa de Interese Turístico de Galicia. A concelleira estivo acompañada por Jorge García, presidente da Xunta de Confrarías de Santiago, entidade que colaborou con Turismo de Santiago na elaboración do informe. Tamén estivo acompañada pola presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, coa que Turismo de Santiago organiza a segunda edición de Santiago Paixón Doce.
Marta Lois destacou que a solicitude da Declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, en colaboración coa Xunta de Confrarías, así como a organización da segunda edición de Santiago Paixón Doce, en colaboración coa Asociación Hostalería Compostela, a organización do evento De Lugares e Órganos, e toda a difusión que se está facendo da programación da Semana Santa a través de diversas ferramentas, como unha páxina web propia, un folleto específico ou a inclusión na revista municipal Compostelánea, amosan o compromiso do Concello de Santiago coa promoción da Semana Santa como punto de partida da temporada alta turística na cidade.

Os eventos relixiosos que se enmarcan dentro da Semana Santa de Santiago celébranse dende hai máis de 400 anos, con algunhas pequenas interrupcións por diversos motivos. As trece confrarías que participan na Semana Santa de Santiago de Compostela teñen un número de confrades superior ás 5.000 persoas, o que dá conta do arraigamento popular desta tradición na cidade.

Estímase que a asistencia media de público nos últimos anos ás procesións da Semana Santa foi dunhas 60.000 persoas, distribuídas entre unha media de quince procesións. Así, en cada procesión estímase unha asistencia de 4.000 persoas aproximadamente, repartidas ao longo das rúas e prazas que percorre cada unha delas.